Os maiores trasládanse á escola infantil de Valdoviño para rememorar cos nenos os contos e arrolos da da súa infancia

Unha delegación integrada polos veciños e veciñas que participan ó longo do curso nos talleres de estimulación cognitiva que organiza o Concello de Valdoviño, todos eles maiores de 60 anos, desprazáronse esta semana á escola infantil do municipio para compartir unha tarde cos máis pequenos da casa. Xunto a eles estiveron o seu monitor, Daniel Cartelle, e a concelleira de Cultura, Rosana García. Os nenos e nenas recibíronnos con agarimo e, sobre todo, desfrutaron do motivo de tan especial visita. Os maiores –algún incluso bisavó dalgún cativo da escola- quixeron compartir con eles os contos e, sobre todo, os arrolos da súa infancia. Contos e nanas que eles mesmos lles contaban hai anos ós seus fillos.
 
Un encontro interxeneracional promovido polo Concello no marco da programación conmemorativa tanto do Día do Libro como do Día das Letras Galegas e unha colaboración, en definitiva, entre puntos de servizos municipais que, á vista do satisfactorio da experiencia, reeditarase no futuro.