Talía Teatro trae este domingo a Valdoviño a súa comedia “Pelos na lingua”

A programación cultural deseñada polo Concello de Valdoviño para o mes de maio continúa este domingo co espectáculo « Pelos na lingua », a cargo de Talía Teatro. Celebrarase no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19 horas con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A proposta inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña e está recomendada para un público maior de 13 anos.
 
Dirixida por Avelino González, conta no seu elenco con Toño Casais (coñecido polo gran público pola súa participación na serie da TVG Serramoura), María Ordóñez e Artur Trillo (tamén moi coñecido polas súas aparicións en series televisivas como Urxencias Cero ou, máis recentemente, Fariña). Trátase dun divertido espectáculo-collage que fala en clave positiva da situación crítica que está vivir a lingua galega. 
 
« Pelos na lingua » vai destinado a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ó mundo enteiro, independentemente da súa lingua.
 
Unha comedia, que dalgún xeito, podería considerarse a segunda parte de «Bicos con lingua», representada no seu día en Valdoviño. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto.