Un excelente para todas as praias de Valdoviño respecto á calidade das augas

O Concello vén de recibir a notificación da Consellería de Sanidade, que califica así ós areais locais na presente tempada de baño
 
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de recibir a notificación da Consellería de Sanidade respecto á clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio. Así, todas as praias analizadas –A Frouxeira, Campelo, Meirás, Mourillá-Os Botes, O Baleo, Pantín e Vilarrube- recibiron un excelente. Unha «nota» vixente para a tempada que agora comeza e un reclamo máis para disfrutar dos areais de Valdoviño.
 
A vixilancia sanitaria das zonas de baño lévase a cabo mediante a inspección e mostraxe periódica da auga das zonas de baño incluídas no censo realizada polo corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública durante a tempada de baño, que se establece dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, agás nalgunhas zonas de baño con características especiais. Nestas mostras, analízanse os parámetros microbiolóxicos Escherichia coli e enterocos intestinais no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia. Así, ó final da tempada de baño, cos datos obtidos nesa tempada o cos resultados das tres tempadas de baño anteriores, calcúlase a clasificación sanitaria da auga de baño que pode ser excelente, boa, suficiente e insuficiente.