As mellores praias, con e sen bandeira azul, están en Valdoviño

O Concello decidiu este ano non concurrir á convocatoria de ADEAC para a concesión de bandeiras azuis polos requisitos impostos, que afectarían á propia natureza dos areais do municipio
 
Por que as praias de Valdoviño non contarán este verán con bandeiras azuis ? O Concello decidiu este ano non concurrir á convocatoria aberta pola ADEAC, organismo privado que decide a súa concesión, polos requisitos impostos. O cumplimento das esixencias establecidas afectaría á propia natureza das praias de Valdoviño, baixo figuras de protección medioambiental na súa maioría como Rede Natura. Obligaría a acometer intervencións que se consideran dende o Concello agresivas co medio ou incluso inasumibles, xa que non contarían coa autorización pertinente de administracións competentes no terreo como a Demarcación de Costas. Entre esas intervencións solicitadas, estaría a construción dunha rampa á praia do Baleo, en Pantín, que as propias condicións do areal fan inviable; a creación de novas áreas de estacionamento ó pé da praia de Vilarrube con materiais como adoquín ou formigón, ou a dotación dunha rampa de acceso para cadeiras de rodas ata o mesmo mar da Frouxeira, infraestrutura con escaso marxe de durabilidade dadas as condicións do areal.
 
En definitiva, planteáronse unha serie de actuacións, de obrigado cumprimento para acceder ó distintivo, que o Concello ve inviables por canto afectaría ás condicións naturais dunhas praias recoñecidas en toda España.
 
En todo caso, o Concello quere deixar claro que a obtención da bandeira non repercutirá na calidade dos servizos que de por si ofrecen as praias de Valdoviño. Lembra que é un dos municipios que máis inviste na seguridade das súas praias, destinando en 2017 unha partida duns 120.000 euros para a contratación do servizo de socorrismo. Un esforzo inversor superior ó doutras cidades e vilas galegas como Vigo, Coruña ou O Grove (por debaixo estas últimas de Valdoviño na comparativa de investimento por habitante). Así mesmo, por primeira vez o pasado ano ampliábase a duración do servizo ata a primeira semana do mes de setembro nas praias da Frouxeira e O Rodo.
 
Os investimentos en servizos continuaron e continuarán ó longo dos últimos anos. Así, no pasado exercicio, destinábanse preto de 80.000 euros para a reparación e acondicionamento das casetas de socorrismo, aseos públicos nas praias e erradicación da fosa séptica no areal do Río, en Meirás. E, xunto a outras actuacións, procedíase á mellora de diferentes áreas de xogo infantil emprazadas no entorno das praias como os parques da Frouxeira ou Marnela, en Pantín.
 
Así mesmo, o Concello leva apostando nos últimos anos por unha promoción turística do municipio vencellada á súa franxa litoral, con especial atención ós deportes náuticos e, especialmente, ó surf. Non en van inauguraba a finais de 2017 o primeiro Museo do Surf de España, unhas instalacións que sitúan ó municipio en referente a nivel estatal. Unha promoción que está a derivar nunha desestacionalización crecente do turismo. Uns turistas que buscan natureza, paisaxe, ocio, deporte… non só no verán senón tamén no resto do ano e que pode atopar en Valdoviño.
 
De aí, e como se sinalaba ó principio, dadas as condicións esixidas este ano, o Concello optase por apostar polos valores naturais das súas praias fronte á obtención das bandeiras azuis este ano.