O Concello convida á veciñanza a unha charla informativa sobre as novas distancias das plantacións fixadas pola Xunta

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello organizará este venres, 11 de maio, unha charla informativa sobre as distancias das plantacións establecidas recentemente pola Xunta na súa política de prevención de incendios forestais. Celebrarase a partir das 20 horas, no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre.
 
Estará impartida por técnicos da empresa Previnem, firma encargada da elaboración do Plan de Emerxencias Municipal do Concello de Valdoviño e, nela, abordarán a nova normativa, con especial incidencia nas obligacións veciñais que conleva, e tentarán dar resposta ás posibles dúbidas que plantee o público asistente. Así mesmo, darán conta doutras cuestións de interese como as queimas de restos agrícolas ou forestais, ou medidas a adoptar en caso de incendio.
 
O alcalde sinala que a charla vén motivada especialmente pola necesidade de información sobre a normativa que plantea a veciñanza e, por isto, o Concello tentará dar resposta no marco das súas competencias, repartindo tamén material divulgativo ó respecto.