O Concello abre o prazo de preinscrición no Punto de Atención á Infancia

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello abrirá mañá, 2 de maio, o prazo de preinscrición na Escola Infantil, emprazada na Aula da Natureza. Así, o rexidor apuntou que as instalacións contan con 20 prazas para nenos e nenas de 4 meses a 3 anos e que as familias interesadas en dispor do servizo deben presentar a súa solicitude e documentación antes do día 15 no Rexistro Xeral –primeira pranta da casa consistorial-. As fichas de preinscrición poden, así mesmo, descargarse da web municipal (www.concellodevaldovino.com). Concluído o prazo, valoraranse as preinscricións se hai máis demanda que oferta. En caso contrario, todas as solicitudes recibirán o visto bo e o prazo de matrícula abrirase do 1 ó 15 de xuño.
 
En menos dun ano, sinala o alcalde, a Escola Infantil tense convertido nunha ferramenta clave para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño, permitindo ó Concello fixar poboación. As instalacións están ubicadas nun entorno único como é a zona da praia da Frouxeira e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e cociña. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta.
 
O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas. Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.