Ser e Terra (Nova Galega de Danza)

domingo, 22 Abril, 2018 - 18:00
Mirador do Paraño

Nova Galega de Danza, dirixida polo coreógrafo e bailarín valdoviñés Jaime Pablo Díaz, traerá este domingo a Valdoviño o seu último espectáculo: “Ser e Terra”. A actuación inclúese no acto que o Concello organizará no Miradoiro do Paraño para conmemorar o Día do Libro e servirá tamén para celebrar anticipadamente o Día Internacional da Danza (oficialmente, o 29 deste mes). Así, a partir das 18 horas, a Concellería de Cultura desplegará no miradoiro mesas repletas de libros cos que agasallará ó público asistente ata esgotar existencias (unhas 200 obras literarias). A iniciativa conta coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, a través da campaña “Libros para sermos libres”.
De seguido, dará comezo a actuación de Nova Galega de Danza. Presentan “Ser e Terra”, un espectáculo no que se recolle a esencia máis pura da compañía. Trátase dunha reinterpretación do baile galego a través de códigos contemporáneos, propoñendo un percorrido pola súa traxectoria a través da selección de pezas dos espectáculos Alento (2003), Engado (2006) e Tradicción (2010). As pezas serán interpretadas por Iván Villar, Alba Vázquez, Inés Vieites e Jaime Pablo Díaz, que bailarán con música de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero.