A igualdade foi a protagonista da sesión de “Lecturas compartidas” entre o alumnado do CPI Atios e a veciñanza de Pantín

“Se nos educades iguais, seremos iguais”. Foi a mensaxe coa que esta mañá remataban as alumnas e alumnos do 5º curso A de Educación Primaria do CPI Atios a súa participación no programa “Lecturas compartidas fóra do centro” que impulsa o colexio en colaboración co Concello. Xunto ós seus mestres Dolores, Cristina e Luis, desprazábanse ó local social de Pantín para manter unha xuntanza cos veciños e veciñas. Alí, rapazas e rapaces repasaron a través dunha presentación en power point a vida e logros dalgunhas mulleres destacadas como Emilia Pardo Bazán, Ángeles Álvariño, Marcela Gracia ou Rosalía de Castro. Tamén fixeron un guiño á surfista Bethany Hamilton, un exemplo de superación.
 
Ademais, nenas e nenos fixeron un auténtico alegato a favor da igualdade e, dun simbólico mandilón, foron arrincando mensaxes que consideran deben desterrarse do día a día. Entre elas, o reparto inxusto das tarefas do fogar, a discriminación salarial por razón de xénero ou as dificultades engadidas que se atopan as mulleres no mercado laboral.
 
A partir de aí, estudantado e veciñanza intercambiaron opinións en torno á materia. Non en van o programa “Lecturas compartidas fóra do centro” inclúese este ano no proxecto “DNI: diferentes na igualdade” que o centro educativo está a realizar neste curso. Así, todas as sesións de “Lecturas” nas parroquias xiran en torno a mulleres destacadas.
 
Máis fotografías do acto na galería de imaxes: Lecturas compartidas.