As “lecturas compartidas fóra do centro” CPI Atios continúan este venres en Pantín

O programa “Lecturas compartidas fóra do centro” que impulsan o CPI Atios e o Concello de Valdoviño celebrará mañá venres, 13 de abril, unha nova sesión. E farao trasladándose á parroquia de Pantín. No seu local social, desenvolverase o encontro interxeneracional entre o alumnado de 5º A e as persoas maiores da parroquia. Será a partir das 10,30 horas e todo aquel que esté interesado en asistir está convidado.
 
No mesmo, rapaces e rapazas ofrecerán ós maiores unha lectura e estes compartirán con eles a historia dalgunhas mulleres que lles parezan de especial relevancia no seu entorno. Precisamente, e como novidade este ano, o programa inclúese no proxecto “DNI: diferentes na igualdade” que o centro educativo está a realizar neste curso. Así, os relatos e conversas xirarán en torno a mulleres destacadas.