Valdoviño inicia a renovación do alumeado público no Carballal e Avenida Areeiros

A intervención está orzamentada nuns 23.000 euros e súmase á realizada na Avenida de Valdoviño ó seu paso pola Porta do Sol
 
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do inicio dos traballos de renovación do alumeado público na zona do Carballal e na Avenida de Areeiros –ata a igrexa de Santa Eulalia- por outro LED de baixo consumo. As tarefas comezaron na vía principal de acceso á praia da Frouxeira, dende as inmediacións do cámping Valdoviño, e a intervención, orzamentada nuns 20.000 euros, finánciase con cargo ó Plan Provincial de Medio Ambiente (PMA) da Deputación.
 
Nesta liña, o rexidor explica que a actuación busca un triple obxectivo: protección do medio ambiente; menor consumo e por tanto unha rebaixa na factura eléctrica, e mellora da iluminación dos viais para a circulación de peóns e vehículos. Así mesmo, os traballos, que inclúen tamén tarefas complementarias como a revisión dos cadros para o cumprimento do actual Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión, súmase a outras actuacións levadas a cabo polo Concello nos últimos meses. A última, a substitución de lámpadas na Avenida de Valdoviño ó seu paso pola Porta do Sol.
 
Ademais, o alcalde avanza que neste 2018 o Concello investirá 50.000 euros do Plan Complementario provincial ó proxecto de mellora da iluminación pública en todo o núcleo de A Carreira e máis na estrada AC566, en Sequeiro e dende Robles ata a Porta do Sol. En esencia, a intervención consiste na substitución de luminarias por outras de maior rendemento enerxético e lumínico, que empreguen tecnoloxía LED como fonte de luz.