A alcaldesa de Narón e o rexidor de Valdoviño reuníronse para abordar posibles colaboracións entre ambos municipios en materia de servizos e infraestruturas

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o rexidor de Valdoviño, Alberto González, reuníronse onte co fin de analizar a viabilidade de que ambos concellos asinen un convenio de colaboración no que se recolla a posibilidade de que algunhas vivendas do termo municipal valdoviñés vertan a colectores localizados en Narón. Así, a rexedora local da cidade valorou a boa disposición de González para tratar de chegar a un acordo “que sería vantaxoso tanto para ambos Concellos como para as nosas veciñas e veciños”, asegurou. Pola súa banda, Alberto González tamén valorou moi positivamente unha xuntanza “que permitirá sen dúbida impulsar servizos en beneficio da veciñanza de ambos concellos”. Para Valdoviño é unha prioridade o traballo conxunto, e nesta liña comprometeu todos os seus esforzos.
 
O encontro abre a porta, tal e como apuntou Ferreiro, “a outras posibles colaboracións futuras entre os dous consistorios á hora de proxectar novas actuacións relativas aos servizos tanto de saneamento como de abastecemento e tamén na área de infraestruturas”. No caso de fructificar ese acordo, pendente de aprobar, “poderiamos optimizar as obras que se realicen no límite dos dous Concellos, tanto a nivel técnico como económico. Isto repercutiría nun aforro no momento da execución das obras e tamén na súa xestión, e facilitaría un acceso a estes servizos a un maior número de veciñas e  veciños, ao aproveitar as infraestruturas existentes e proxectadas en ambos concellos”.
 
No transcurso da xuntanza tamén se abordaron outros temas como a posible ampliación da estrada provincial que enlaza Meirás con Castro, donde hai previstas intervencións tanto do concello de Narón, en materia de saneamento e abastecemento, como da Deputación da Coruña, titular esta última do citado vial.
 
O terceiro asunto abordado foi o da superficie que ambos concellos comparten a súa titularidade na zona de As Boeiras, un área de preto de millón e medio de metros cadrados e con usos pendentes de definir.
 
Á reunión celebrada no despacho da alcaldesa de Narón asistiron tamén o concelleiro de Urbanismo de Narón, Manuel Ramos, os edís de Obras e Servizos e de Planificación Territorial de Valdoviño, Benito Vega e Sergio Saavedra, respectivamente, así como persoal técnico de Narón.