Concello de Valdoviño e AVV de Meirás promoven un taller veciñal para elaborar trampas contra a vespa velutina

Con asistencia libre, celebrarase este xoves no local social ás 19 h
 
Concello de Valdoviño e AVV de Meirás organizan conxuntamente un obradoiro de elaboración de trampas contra a vespa velutina. Iniciativa na que tamén colabora a Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil. Con asistencia libre, e sen necesidade de preinscrición, o taller terá lugar mañá xoves, 5 de abril, no local social. Dará comezo ás 19 horas e as persoas interesadas en tomar parte deben acudir con botellas de plástico para elaborar as trampas. Así mesmo, e completamente de balde, no transcurso do mesmo entregarase líquido para as mesmas ós asistentes.
 
Esta iniciativa dá continuidade á charla celebrada hai unha semana pola entidade veciñal sobre a vespa velutina. Charla que impartiu Lolo Andrade, técnico de Protección Civil e especialista na materia.
 
Doutra banda, Protección Civil de Valdoviño está a distribuír carteis informativos para a elaboración de líquido atraínte co que combatir a velutina. En concreto, un contra as raíñas, que se debe utilizar no trampeo entre os meses de marzo a xuño (unha mistura que debe conter un litro de zumo de arándanos, medio litro de viño blanco, catro cucharadas de vinagre de mazá e unha gota de lavavaixelas) e outro a utilizar entre os meses de xuño e setembro (neste caso, cun litro de auga moi quente, medio litro de mel, dúas cucharadas de alcol etílico, unha de vinagre e unha gota de lavavaixelas).