Nacen os pitiños na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia grazas ós coidados dos máis pequenos

Tal e como estaba previsto, hoxe, 21 de marzo, nacían os primeiros pitiños na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia de Valdoviño. Os coidados que durante semanas lles dispensaron os 15 nenos e nenas que acoden a diario a estas instalacións emprazadas no entorno da lagoa e praia da Frouxeira deron os seus froitos e esta mañá os cascaróns comezaban a crebar e deles saían os pitos. O proxecto nace da man da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos-Avimós e con el búscase contribuír á conservación da galiña de Mos, unha raza galega das máis antigas da Península Ibérica que, nas últimas décadas, estivo ó borde da extinción.
 
Nesta liña, o alcalde, Alberto González, que esta mañá visitaba as instalacións xunto á edila de Cultura, Rosana García, e o concelleiro de Servizos, Benito Vega, sinalaba que este proxecto se enmarca na mesma filosofía do centro, xa que o proxecto educativo do PAI se basa no medio ambiente, potenciando o respeto polos seus valores. E, especialmente, os do singular entorno do propio PAI. Así, é habitual que flora e fauna da lagoa da Frouxeira protagonicen debuxos, xogos e conversas nas instalacións.
 
A primeiros de mes iniciábase este novo proxecto vinculado á galiña de Mos. Membros de Avimós instalaban unha incubadora con 18 ovos e, tras ofrecer as oportunas explicacións, encargaban ós máis pequenos o seu coidado e vixianza, especialmente en relación ás condicións de temperatura e humidade. Hai dous días, aumentaban a humidade para facilitar que o cascarón se rebrandecese e, este mércores, nacían os pitiños. Nacemento que nenos e nenas vivían en directo.
 
Mañá, xoves, acudirán as familias para compartir este momento, así como técnicos de Avimós, que explicarán o proceso, dando por rematado o proxecto.
 
O do PAI de Valdoviño é un xeito diferente de aprendizaxe en plena natureza. Así, son habituais as actividades neste sentido. As máis recentes, o traballo que os pequenos realizan na horta do exterior, na que agora teñen plantado perixel e amorodos.
 
A Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia cumplirá o próximo mes de xuño o seu primeiro ano de actividade. Na actualidade, acoden a el a diario 15 nenos e nenas dos que tres son bebés e os outros 12 teñen entre un e tres anos. O Concello de Valdoviño poñía en marcha este servizo dando resposta a unha demanda veciñal de moitos anos atrás, co ánimo de favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias de Valdoviño.