O Concello adxudica as obras e explotación do cámping municipal da Lagoa

Coa vista posta en reabrir as instalacións o próximo verán, o Concello de Valdoviño daba esta mañá o último paso no proceso de concesión do cámping municipal da Lagoa: o pleno daba luz verde á adxudicación á UTE formada por Viaxes Narón SL, Eliseo Carballeira e Servicios y Proyectos Valdoviño do contrato para as actuacións de adaptación á normativa vixente e mellora das instalacións e explotación do mesmo. O novo contrato establece, segundo explicou o alcalde, Alberto González, tanto a explotación do cámping cun canon anual de 18.000 euros como a execución das obras necesarias para proceder á súa apertura. Uns traballos que, fundamentalmente, se centrarán en adaptar as instalacións á normativa vixente en materia de accesibilidade, así como solventar as deficiencias respecto ás instalacións eléctricas.
 
Construído en 1981 no entorno da praia e lagoa da Frouxeira, en 1998 amplíanse as instalacións ata o que hoxe coñecemos. Ocupa unha parcela de 9.571,00 metros cadrados e consta de dúas edificacións –destinadas a recepción nun caso e a aseos, duchas, almacén e bar, con accesos diferenciados, no outro-.
 
No 2016 finalizaba o contrato de xestión deste servizo público, así como as súas posibles prórrogas, e o Concello comezaba meses antes a traballar para sacar adiante o novo contrato de concesión. Encargaba un estudo sobre o estado do cámping e os traballos que era preciso acometer para axustarse á normativa actual. O citado anteproxecto pasou a fase de exposición pública, logo aprobáronse os pliegos do contrato e posteriormente saía a licitación para a presentación de ofertas. Celebradas as correspondentes mesas de contratación, a semana pasada saía a proposta de adxudicación que esta mañá o pleno aprobaba.