Valdoviño reúne no Día da Muller a diferentes xeracións para amosar a evolución do papel da muller na costura: de artesás a creadoras de moda

O Concello de Valdoviño conmemorará este ano o Día da Muller baixo o título “De artesás da costura a creadoras de moda”. Un encontro aberto á veciñanza que se celebrará este sábado, 10 de marzo, no auditorio da Casa da Cultura con mulleres e homes de diferentes xeracións que adicaron e adican a súa vida profesional á agulla. O obxectivo? Amosar a través dos seus protagonistas a evolución da muller no mundo da costura –dende aquelas que ían coser ás casas coa máquina á cabeza ata as que realizan agora a súa carreira de deseño e moda-. E facelo dende a perspectiva da propia muller, pero tamén do home. O acto, organizado pola Concellería de Cultura en colaboración co movemento asociativo, dará comezo ás 18 horas con entrada libre.
 
Arrancará cunha representación teatral a cargo do grupo de teatro “Rosalía de Vilaboa” e, a continuación, a presentadora, Montse Díaz Pita, da ACRD Rosalía de Vilaboa, entrevistará ás/ós protagonistas: Julia González, costureira xubilada de Valdoviño que, durante anos, traballou por encargo nas casas do municipio; Antonio López Fraga, de Marnela –Pantín-, tamén xubilado, iniciouse como xastre e exerceu como patronista para grandes firmas nacionais; Ermitas Beceiro, propietaria da única fábrica de textil que hoxe en día opera en Valdoviño, e Inma Vázquez, de Lago, estudante da carreira de Deseño Textil e Moda en Vigo. A través das súas vivencias, experiencias, anécdotas e visión falarán do camiño percorrido e do que queda por andar.
 
O acto concluirá co espectáculo “Big Ladies”, a cargo de Marián Ledesma. Un repertorio de clásicos, contado e cantado, co que realizará un percorrido pola historia do jazz e do blues a través das divas que lle deron eternidade á nosa memoria.
 
Por último, o público asistente poderá achegarse ó recanto de pezas de xastres e costureiras, con elementos significativos desta profesión cedidos por particulares e asociacións.
 
Un ano máis, o Día da Muller en Valdoviño está organizado pola Concellería de Cultura en colaboración coas asociación veciñais, culturais, deportivas, ANPA e Amas de Casa. E como no 2017 volven apostar por dar voz ós/ás protagonistas daquel ámbito elixido para amosar a evolución da situación da muller. A costura toma o relevo agora do eido do pasado ano, que foi o traballo no mar.