As “Lecturas compartidas fóra do centro” abordan a vinculación entre a primatóloga Jane Goodall e a parroquia de Vilaboa

Estudantes e veciñanza compartiron conversas na antiga unitaria
 
O programa “Lecturas compartidas fóra do centro” que impulsan o CPI Atios e o Concello de Valdoviño continuou esta mañá en Vilaboa. O alumnado de 6º B desprazouse ata a antiga escola unitaria onde os esperaban veciños e veciñas da parroquia para compartir conversas e experiencias en torno a mulleres destacadas no ámbito da ciencia pero tamén mulleres traballadoras anónimas, con tanto mérito como as primeiras pero sen o recoñecemento destas. O programa inclúese este ano no proxecto “DNI: diferentes na igualdade”, co que o CPI Atios logrou o Premio Concepción Arenal da Deputación provincial da Coruña e, por este motivo, é a muller a que protagoniza os encontros mensuais das “Lecturas”.
 
Neste caso, e a través dunha presentación de power point os estudantes deron a coñecer o seu traballo de investigación sobre a figura de Jane Goodall, célebre primatóloga e unha das científicas de maior impacto no século XX polas súas investigacións sobre o mundo dos chimpacés. Unha muller que, en certa medida, ten vinculación con Vilaboa. E é que, tal e como comentaron os veciños e veciñas presentes, a avoa da veterinaria Rebeca Atencia, á súa vez directora do Instituto Jane Goodall na República do Congo, era desta parroquia valdoviñesa. Así mesmo, nas conversas entre nenos e maiores tamén xurdiu a figura de Pilar Cibreiro, escritora de Vilaboa e, a raíz disto, o equipo docente mostrou o seu interese en levar a súa obra ás aulas para coñecela en máis profundidade.
 
Así mesmo, estudantes e maiores concordaron en que importantes non son só as mulleres científicas, as investigadoras, matemáticas ou escritoras, senón moitas mulleres anónimas cuxo traballo dentro e fóra da casa é fundamental para sacar adiante ás súas familias e construír sociedade. Conversas nas que todos e todas aprenderon e que continuarán o próximo mes. En abril, o programa “Lecturas compartidas” viaxará a Pantín. Será o día 13, ás 10,30 horas, no local social.