Arranca en Valdoviño o Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre

Organizado polo Concello, está impartido pola Escola Néboa e desenvolverase as fins de semana no CPI Atios ata o mes de xuño
 
O alcalde, Alberto González, inauguraba o pasado sábado o Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre que promove o Concello con custe cero para rapaces e rapazas de 18 a 30 anos. Un total de 19 persoas iniciaron esta acción formativa que, ata o vindeiro mes de xuño, impartirá no  CPI Atios a Escola de Tempo Libre Néboa. Así mesmo, este xoves, 1 de marzo, pecharase o prazo de inscrición extraordinario aberto polo Concello para crear unha lista de reserva para cubrir posibles baixas que se produzan nas primeiras semanas, se é o caso. Para formalizala é preciso facelo na Casa da Cultura de 10 a 14 horas (tamén se pode descargar a ficha de inscrición da web municipal e presentala nas instalacións culturais xunto á correspondente documentación).
 
O curso consta de fase teórico-práctica e fase práctica. A primeira, cunha duración de 200 horas lectivas e contidos centrados no eido da psicoloxía, socioloxía, medio ambiente, educación no tempo libre ou lexislación e, a segunda de 150 horas con actividades en campamentos ou colonias xestionadas por Néboa.
 
O curso levarase a cabo ata o 9 de xuño, os sábados de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas e, os domingos, de 9 a 14 h.
 
As persoas interesadas en obter máis información teñen á súa disposición os números de teléfono 981 48 76 66 e 645 305 229.