Os voluntarios de Protección Civil de Valdoviño realizaron 575 operativos o pasado ano

A retirada de niños de velutina ocupou o grosso das intervencións, con ata 305 servizos prestados en todo o termo municipal
 
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño fixo balance esta mañá da actividade levada a cabo durante o pasado ano, contabilizando ata 575 operativos desplegados. O equipo de 20 voluntarios e voluntarias capitaneado por Francisco Dopico concentrou o grosso das súas intervencións na retirada e neutralización de niños de vespa velutina, con ata 305 intervencións en todo o termo municipal. Unha actividade que o Concello de Valdoviño, a través do seu alcalde, Alberto González, quere poñer en valor, xa que resultou fundamental para afrontar este problema. Non só iso, González destaca o intenso traballo realizado por Protección Civil en eventos e actividades municipais, xa que sen a súa colaboración sería imposible levalas a cabo. Así, neste campo, os voluntarios realizaron 74 operativos –feiras, festas, concertos, andadas, actividades e eventos deportivos…-. Así mesmo, a súa actividade no termo municipal de Valdoviño, e a petición do Concello, completouse coas intervencións en 4 operativos para a retirada de animais feridos ou mortos en estradas e camiños.
 
Así mesmo, deses 575 operativos, Protección Civil realizou 159 a instancias do 112. Entre outros, a retirada de animais soltos ou abandonados; intervencións de axuda en colisións de vehículos con animais; en accidentes de tráfico sen feridos e tamén con feridos ou falecidos. Realizaron actuacións en materia de incendios e outros 19 operativos correspondéronse a actuacións de diversa índole –rescates de percebeiros, intervencións en temporais, persoas caídas en domicilios…-.
 
Por último, tamén reseñable foi a súa intervención noutros concellos da comarca, cos que colaboraron en diferentes eventos e operativos. En concreto, prestaron o seu apoio en Fene, Mugardos, Moeche, As Pontes, Ferrol e San Sadurniño.