O Concello abre un prazo extraordinario de inscrición no curso de monitor de tempo libre para crear unha lista de reserva

A Concellería de Cultura informaba esta mañá da apertura dun prazo extraordinario de inscrición no curso de monitor de actividades de tempo libre que promove. O obxectivo é crear unha lista de reserva para que, no caso de producirse algunha baixa nas primeiras semanas, se poidan cubrir as prazas vacantes. Así, este prazo extraordinario estará aberto ata o 1 de marzo e as persoas interesadas deben achegarse ata a Casa da Cultura, de luns a venres de 10 a 14 horas para cubrir os correspondentes formularios e entregar a documentación. Tamén se pode descargar da páxina web municipal.
 
O citado curso arrancará este sábado e está organizado polo Concello, en colaboración coa Escola de Tempo Libre Néboa. Homologado pola Dirección Xeral de Xuventude, está dirixido a rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos e a participación é completamente gratuíta.
 
O curso consta de fase teórico-práctica e fase práctica. A primeira, cunha duración de 200 horas lectivas e contidos centrados no eido da psicoloxía, socioloxía, medio ambiente, educación no tempo libre ou lexislación e, a segunda de 150 horas con actividades en campamentos ou colonias xestionadas por Néboa.
 
Amais da idade, para participar é preciso estar en posesión ben do título de Graduado en Educación Secundaria ou Graduado Escolar ou equivalente ben do título de Técnico Auxiliar en Formación Profesional ou equivalente. Así mesmo, terán preferencia as persoas empadroadas en Valdoviño, aquelas en situación de desemprego ou que conten co Carné Xove.
 
Desenvolverase no CPI Atios, namentras que unha das fins de semana terá lugar na área recreativa de Vilarbó, en As Pontes, en réxime interno para poder impartir o módulo de Técnicas de Excursionismo e Aire Libre. O curso levarase a cabo entre o 24 de febreiro e o 9 de xuño, os sábados de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas e, os domingos, de 9 a 14 h.