O proxecto de mellora da estrada entre Cedeira e Valdoviño iniciarase con actuacións directas sobre tramos concretos

Os alcaldes de Cedeira, Pablo Moreda, e de Valdoviño, Alberto González, abordaron sobre o terreo as actuacións con representantes da Consellería de Infraestruturas
 
As intervencións contemplan a corrección de curvas, melloras do trazado ou habilitar vías lentas en treitos sobre os que non pesen figuras de protección medio ambiental
 
O proxecto de mellora da estrada AC566 que comunica Cedeira e Valdoviño traducirase a curto prazo en actuacións directas sobre determinados tramos cun triple obxectivo: reforzar a seguridade vial, mellorar a mobilidade e reducir tempos de percorrido. Así o avanzaron esta mañá os alcaldes de Cedeira, Pablo Moreda, e de Valdoviño, Alberto González, trala xuntanza que mantiveron co técnico da Consellería de Infraestruturas da Xunta, administración que financiará e executará as actuacións. Un encontro no que tamén participaba a primeira tenente de alcalde da vila, María Xosé Rodríguez, e o concelleiro de Obras valdoviñés, Alejandro García, e que principiaba na casa consistorial de Valdoviño. Alí, sobre plano, estudaban as alternativas previstas e, a continuación, iniciaban un percorrido sobre o terreo para comprobar in situ os plans sobre o papel.
 
Alberto González e Pablo Moreda sinalaban que esas actuacións directas de mellora permitirán axilizar administrativamente as intervencións, eliminando burocracia e ofrecendo solucións a curto prazo. Así mesmo, complementaranse con actuacións de maior alcance a medio prazo.
 
En liñas xerais, as primeiras medidas levaranse a cabo en zonas sobre as que non pesen figuras de protección medio ambiental e consistirán, en esencia, na corrección de curvas; melloras no trazado e habilitar vías lentas.
 
Deste xeito, lograrase mellorar a circulación entre ambos municipios e, por extensión, a conexión entre Cedeira e Ferrol. Reduciranse tempos, o que repercutirá positivamente no posicionamento do polígono da Trabe e na economía de ambas localidades, así como en cuestións tan vitais e cotiás como os traslados ós centros hospitalarios. E, sobre todo, acadarase unha mellora substancial en materia de seguridade vial.
 
Este proxecto fundamental para Cedeira e Valdoviño constitúe unha vella reivindicación de ambos municipios que, tras as xestións realizadas nos últimos dous anos coa Xunta, titular do vial, semella que avanza con paso firme e cuxos resultados se verán a curto prazo.