Valdoviño organiza o seu II Open de Tenis

Tralo éxito de convocatoria da primeira edición, a Concellería de Deportes reeditará este ano o Open de Tenis Concello de Valdoviño. O prazo de inscrición abriuse esta mañá e concluirá o 20 de marzo ás 23 horas. Para formalizala, é preciso chamar ó teléfono 696 84 45 53 ou realizala a través da web www.doblered.net. Precisamente, será neste portal onde se informe dos cadros e emparellamentos o día 22 de marzo.
 
Así mesmo, a cota de inscrición estableceuse en dez euros na categoría absoluto masculino/absoluto masculino nivel 2 e en oito euros para as categorías sub 16 mixto e sub 13 mixto. En todo caso, o edil de área, Sergio Saavedra, explica que será gratuita para os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Tenis de Valdoviño.
 
Así, baixo a dirección do profesor Rubén Justo Fernández, o torneo celebrarase entre o 23 de marzo e o 1 de abril e os partidos alternarán dous espazos: as pistas de tenis do CCRD Perlío e o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. Saavedra sinala que a colaboración da entidade fenesa permitirá que a competición non altere os horarios da programación deportiva que, de forma estable, se desenvolve no pavillón local. En todo caso, apunta que as fases finais celebraranse no Longoiro e invita á veciñanza a participar no mesmo ou acudir como público do torneo, con entrada de balde. Haberá trofeo para o campión e subcampión de cada categoría.