Valdoviño celebra este sábado o seu XVIII Festival de Comparsas de Entroido

Valdoviño despedirá mañá sábado o Entroido co seu tradicional Festival de Comparsas. Un certame que este ano acada as 18 edicións. No mesmo, confirmaron a súa asistencia nove comparsas de diferentes localidades da comarca e a cita, se o tempo o permite, dará comezo ás 17,30 horas nas inmediacións da Casa do Concello. Dende este punto partirá o pasarrúas con destino ata a Casa da Cultura. Se as condicións meteorolóxicos o impedisen, o festival arrancará sobre as 18 horas na carpa habilitada no auditorio exterior do centro cultural. A cita estará conducida polo cómico galego Pedro Brandariz.
 
Alí, e por este orde, interpretarán os seus temas máis humorísticos as seguintes comparsas: Tróupele, Tróupele, de Narón, con disfraces de “Quixotes, Sanchos e Dulcineas”; A Canteira, de Neda, con disfraces de “A Festa”; Os Parrandolos, de Narón, con disfraces de “Grease”; Os Trastos, de Valdoviño, con disfraces de Lavandeiras; Os Colludos, de Narón, con disfraces de Labregos; A Revolta, de Ferrol, con disfraces de Meigas e Meigos do Bosque Atlántico; o Colexio Rural Agrupado de Valdoviño, con disfraces de O Mar; Os Chorlitejos, de Valdoviño, con disfraces de Fútbol Americano, e Os Faranduleiros, tamén locais, con disfraces de Rescatadores.
 
Cada comparsa interpretará ante o público un máximo de dúas cancións ou parodias ou ben, unha parodia e unha canción. Así mesmo, polo menos unha delas estará escrita e interpretada en lingua galega e unha delas xirará en torno a Valdoviño.
 
O xurado estará integrado por un representante de cada unha das comparsas, que poderá votar a todas menos a aquela que representa. En todo caso, terán en conta a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía e a animación de rúa que realice o grupo participante.
 
O Festival de Comparsas repartirá 3.300 euros en axudas á participación -300 euros máximo por comparsa, 150 nun vale para a mellor e outros 150 en tres vales de 50 canxeables no comercio local para os mellores disfraces individuais-. Haberá tres categorías: comparsas adultos, comparsas infantís e outros. Nesta última categoría entran os disfrazados a título individual, as parellas de disfraces e grupos de ata cinco persoas. A título de disfrace individual non se admiten menores. Porén, estes si poden formar parte de parellas ou grupos sempre e cando o número de adultos é como mínimo do 50%. A parella ou grupo debe de manter unha uniformidade de criterio na súa indumentaria.