Concello e movemento asociativo organizan este sábado a Festa Infantil de Entroido

Baixo o título “Un mundo de maxia enche o Entroido”, terá lugar no pavillón municipal do Longoiro, de 17 a 20 h, e entrada de balde
 
Os máis pequenos da casa teñen unha cita este sábado no pavillón municipal do Longoiro, en Meirás. Este será, un ano máis, o escenario no que o Concello de Valdoviño e o movemento asociativo do municipio, organizarán a Festa Infantil de Entroido. Baixo o título “Un mundo de maxia enche o Entroido”, dará comezo ás cinco da tarde e prolongarase ata as oito e a entrada é libre e gratuíta.
 
Haberá música, baile, xogos e moitas actividades para nenos e nenas. O Concello agradece a colaboración das asociacións veciñais, culturais, deportivas, da ANPA e máis das Amas de Casa na organización deste evento, e invita ás familias a tomar parte na programación deseñada.
 
Sen abandoar o Entroido, a Concellería de Cultura lembra que o prazo para anotarse no XVII Festival de Comparsas concluirá o día 15. Deberá formalizarse na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 horas –agás o martes 13, cando as instalacións permanecerán pechadas por tratarse de festivo local-. Celebrarase o 17 de febreiro, e arrancará ás 17,30 horas co pasarrúas dende o consistorio ata a Casa da Cultura –onde terá lugar o festival propiamente dito baixo unha carpa habilitada ó efecto-.
 
A ficha de inscrición pode descargarse da páxina web municipal www.concellodevaldovino.com, onde tamén están colgadas as bases para a súa consulta.