Novo paso adiante na ampliación e mellora da estrada DP 2502 entre Valdoviño e Cerdido

A Deputación fixa para os días 26 e 27 deste mes, na Casa da Cultura, o pago das expropiacións ós propietarios afectados
 
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, valorou positivamente esta mañá o novo paso adiante dado pola Deputación provincial da Coruña para facer efectivo o ambicioso proxecto de ampliación e mellora da estrada DP 2502 que une a localidade co municipio veciño de Cerdido. Unha actuación orzamentada en preto dun millón de euros que se financiará con cargo ós fondos provinciais.
 
Así, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte o anuncio do pago das expropiacións ós propietarios dos terreos afectados pola intervención. Un acto que se levará a cabo na Casa da Cultura de Valdoviño os días 26 e 27 de febreiro de 16 a 19 horas.
 
Trátase do último paso previo á licitación das obras, que contan cun orzamento de 988.738,80 euros. Levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 3+000 e 5+600 e o ramal secundario de acceso ao encoro das Forcadas, situado no PK 5+600. A calzada actual dispón actualmente dun ancho aproximado de cinco metros, que pasará a 9 metros, coa inclusión dunha sección tipo de dous carrís de 3,50 metros, cada un deles cunha beiravía lateral dun metro de ancho. No caso do vial secundario, o ancho de vía actual é de 4,70 metros e ampliarase ata os 6 metros, colocando cunetas en ambas marxes.
 
As obras iniciaranse no lugar de O Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorrerán polo núcleo rural de Vilaboi (Valdoviño), chegando ata o encoro das Forcadas. Dende o PK 3+000 ata o 5+400 incrementarase o ancho do vial, que discorre por unha zona rural rodeada de terras de labradío e monte. O proxecto recolle tamén a mellora do trazado no tramo que vai do punto quilométrico 3,5 ao 4, co fin de mellorar o percorrido sinuoso de curvas existente na actualidade. Nos 200 metros que van do PK 5+400 ao 5+600 prodúcese un estreitamento da calzada no arcén, debido á cercanía das casas á estrada. Neste zona sinalizarase como “paso estreito” e limitarase a velocidade dos vehículos a 50 km/h.
 
O proxecto inclúe o retranqueo de 25 postes de tendido aéreo eléctrico, 25 postes de formingón con luminaria da vía principal e 12 postes de madeira de telecomunicacións, así como a execución dun muro de contención no PK 4,600, a substitución do sistema de drenaxe da estrada con tubo de formigón nos puntos onde sexa necesario, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.