Luz verde ás expropiacións para construír a rotonda no entorno do CPI Atios

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, valorou moi positivamente esta mañá o paso adiante dado na intervención que permitirá mellorar substancialmente a mobilidade no entorno do CPI Atios, poñendo fin ás complicadas manobras dos autocares do transporte escolar e ás caravanas de vehículos que, a primeira hora, se suceden coa entrada ás instalacións educativas. Será coa construción dunha rotonda na DP2502, punto quilométrico 0+675, e un carril de acceso ó aparcadoiro do CPI.
 
Nesta liña, a Deputación provincial da Coruña, que xa se comprometera co Concello a asumir o custe da actuación destinando máis de 175.000 euros, aprobaba estes días o último paso para sacar as obras a contratación: daba luz verde ás expropiacións dos predios afectados. A este capítulo destinaranse 11.077 euros. Un investimento ó que hai que sumar o custe do proxecto, sufragado polo Concello de Valdoviño integramente.
 
Así, coa construción do carril de acceso ó aparcadoiro do centro escolar evitarase que os autocares obstrúan a estrada provincial en horas de entrada e saída ó centro educativo, onde estudan preto de 600 alumnos e alumnas. E, ó habilitar a rotonda, mellorarase a peligrosa intersección existente neste punto facilitando as manobras de cambio de sentido dos autocares das liñas de transporte escolar. En definitiva, gañarase en seguridade vial e fluidez do tráfico.
 
Trátase dunha reivindicación da comunidade educativa que dende o primeiro momento o Concello fixo súa, elaborando o proxecto para dar unha solución á situación. A partir de aí, iniciáronse as xestións para lograr o financiamento a través da Deputación, como finalmente foi.