O Concello promove un Curso gratuíto de Monitor de Actividades de Tempo Libre

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello, en colaboración coa Escola de Tempo Libre Néboa, promoverá un Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre, homologado pola Dirección Xeral de Xuventude. Está dirixido a rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos e a participación é completamente gratuíta. As persoas interesadas poden formalizar dende este xoves a inscrición na Casa da Cultura de luns a venres de 10 a 14 horas e o prazo remata o día 15 de febreiro.
 
O curso consta de fase teórico-práctica e fase práctica. A primeira, cunha duración de 200 horas lectivas e contidos centrados no eido da psicoloxía, socioloxía, medio ambiente, educación no tempo libre ou lexislación e, a segunda de 150 horas con actividades en campamentos ou colonias xestionadas por Néboa.
 
Amais da idade, para participar é preciso estar en posesión ben do título de Graduado en Educación Secundaria ou Graduado Escolar ou equivalente ben do título de Técnico Auxiliar en Formación Profesional ou equivalente. Así mesmo, terán preferencia as persoas empadroadas en Valdoviño, aquelas en situación de desemprego ou que conten co Carné Xove.
 
Desenvolverase no CPI Atios, namentras que unha das fins de semana terá lugar na área recreativa de Vilarbó, en As Pontes, en réxime interno para poder impartir o módulo de Técnicas de Excursionismo e Aire Libre. O curso levarase a cabo entre o 24 de febreiro e o 9 de xuño, os sábados de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas e, os domingos, de 9 a 14 h.
 
As persoas interesadas en obter máis información teñen á súa disposición os números de teléfono 981 48 76 66 e 645 305 229.