O Concello de Valdoviño convirte o Camiño do Carballal nunha vía de acceso alternativo ó areal da Frouxeira

O Concello de Valdoviño concluíu estes días as obras de acondicionamento do Camiño do Carballal. O alcalde, Alberto González, destacaba a importancia da actuación xa que ata o momento tratábase dun camiño de terra en moi mal estado que, cos traballos realizados, se convirte agora nun vial de acceso alternativo ó areal e lagoa da Frouxeira. Contribuirá así a desconxestionar o intenso tráfico que rexistra a zona, especialmente nos meses de verán.
 
Nesta liña, o edil de Obras, Alejandro García, sinalaba que a intervención se financiou con cargo a un convenio de colaboración suscrito entre Concello e Deputación provincial da Coruña por importe de 100.000 euros que, amáis desta actuación, contemplou outras obras de mellora en diferentes vías das parroquias.
 
O Camiño do Carballal parte da Avenida de Valdoviño (fronte á Casa da Cultura) e remata na Avenida de Ferrol. Os traballos incluíron a construción de cunetas, o asfaltado da vía e o seu pintado, abrindo esa nova alternativa ó areal, pero tamén para os veciños e veciñas da zona da Ladeira e do Pereiro.