O Festival de Comparsas de Valdoviño incorpora este ano premios para os mellores disfraces individuais

Valdoviño celebrará o seu tradicional Festival de Comparsas o sábado 17 de febreiro. A cita cumple este ano a maioría de idade, con XVIII edicións e, como é habitual, comezará cun pasarrúas entre a casa consistorial e a Casa da Cultura. Neste último espazo habilitarase unha carpa para acoller o festival propiamente dito, que estará conducido polo cómico galego Pedro Brandariz. Organizado polo Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, repartirá 3.300 euros en axudas e, como principal novidade este ano, o festival ábrese á participación en concurso dos disfraces individuais.
 
Así, haberá tres categorías: comparsas adultos, comparsas infantís e outros. Nesta última categoría entran os disfrazados a título individual, as parellas de disfraces e grupos de ata cinco persoas. A título de disfrace individual non se admitirán menores. Porén, estes si poderán formar parte de parellas ou grupos sempre e cando o número de adultos sexa como mínimo do 50%. A parella ou grupo deberá de manter unha uniformidade de criterio na súa indumentaria.
 
Nesta cita, o Concello repartirá 3.000 euros en axudas á participación -300 euros máximo por comparsa- e outros 150 euros nun vale canxeable nos comercios locais para a mellor comparsa e 150 euros en tres vales de 50 euros canxeables tamén nos establecementos de Valdoviño para os mellores disfraces. En caso de mal tempo, o que obrigase á suspensión do pasarrúas, pasaríase directamente ó festival.
 
Cada comparsa interpretará ante o público un máximo de dúas cancións ou parodias ou ben, unha parodia e unha canción. Así mesmo, polo menos unha delas terá que estar escrita e interpretada en linga galega e unha delas xirar en torno a Valdoviño.
 
O xurado estará integrado por un representante de cada unha das comparsas, que poderá votar a todas menos a aquela que representa. En todo caso, terán en conta a orixinalidade e vistosidade do disfrace, a posta en escena, as letras das cancións ou parodias, a simpatía e a animación de rúa que realice o grupo participante.
 
Por último, o Concello avanza que o prazo de inscrición abrirase o 5 de febreiro e culminará o 15 do mesmo mes. Para anotarse é preciso facelo na Casa da Cultura de luns a venres de 10 a 14 horas ou o martes 6 tamén pola tarde de 15 a 17 h (o martes 13 as instalacións estarán pechadas ó tratarse de festivo local).