CPI Atios e Concello de Valdoviño retoman as “Lecturas compartidas fóra do centro” entre nenos e maiores

CPI Atios e Concello de Valdoviño volverán colaborar na posta en marcha do programa “Lecturas compartidas fóra do centro”. A través do mesmo, o alumnado traballa nas aulas diferentes contos, lecturas ou representacións e, ó longo do curso, prográmanse saídas ás diferentes parroquias para compartilas coas persoas maiores do lugar.
 
Como novidade este ano, o programa inclúese no proxecto “DNI: diferentes na igualdade” que o centro educativo está a realizar neste curso. Así, esas historias que nenos e nenas ofrecerán ás persoas maiores estarán sempre relacionadas con mulleres. E, a cambio, os rapaces e rapazas pediranlles a veciños e veciñas que lles falen doutras mulleres que lles parezan de especial relevancia no seu entorno.
 
As “lecturas compartidas fóra do centro” arrancarán no mes de febreiro e, máis concretamente, o día 9. O alumnado de 6º A desprazarase ata o local social de Sequeiro para intercambiar historias cas persoas maiores desta e da parroquia de Meirás. O 2 de marzo os estudantes de 6º B irán ó local social de Vilaboa; o 13 de abril, 5º A trasladarase ata o local social de Pantín; o 11 de maio será o turno da clase de 5º B, que irá ó local social de Lago; o 11 de maio, 4º A trasladarase ata o local social de Vilarrube e, o 8 de xuño, serán os nenos e nenas de 4º B os que se despracen ata a Casa da Cultura de Valdoviño. En todos os casos, os encontros interxeneracionais arrancarán ás 10,30 horas e prolongaranse ata as 12 horas.
 
O Concello, a través da Concellería de Cultura e Educación, financia os traslados en autocar entre o centro educativo e as diferentes parroquias.