O Concello busca coa Xunta solucións ó desbordamento da lagoa da Frouxeira

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, reuniuse esta mañá coa directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Ana María Díaz, para buscar unha solución consensuada ós desbordamentos que, ano tras ano, sufre a lagoa da Frouxeira. A xuntanza, na que tamén tomaron parte o concelleiro Sergio Saavedra, e o xefe da Demarcación de Costas do Estado en Galicia, Rafael Eimil, celebrouse a instancias do Concello, quen solicitara a citada entrevista en reiteradas ocasións nos últimos meses.
 
O rexidor expuxo a necesidade de modificar o protocolo que regula o Plan de Conservación da Lagoa, xa que a experiencia demostra que non funciona. Para Alberto González, é necesario poñer fin ós anegamentos que, ano tras ano, se veñen producindo dende o Prestige, con afectación na contorna. Así mesmo, e especialmente grave, o alcalde sinala que as últimas intervencións realizadas pola Xunta, en cumprimento dese protocolo, teñen perxudicado significativamente a praia da Frouxeira. Unha situación que o Concello non pode pasar por alto.
 
Nesta liña, Alberto González valorou positivamente a xuntanza desta mañá, xa que a responsable autonómica compartiu esa exposición de motivos e tamén a necesidade de modificar o protocolo. De aí que se comprometese co alcalde a iniciar os estudos pertinentes para abordar a reforma.