Valdoviño promociona en Fitur o primeiro museo do surf de España

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, acompañado da concelleira de Turismo, Rosana García, desprazábanse onte a Madrid para tomar parte na presentación da XXXI edición do Pantín Classic na Feira Internacional de Turismo Fitur, un dos principais escaparates para a promoción de destinos turísticos de todo o mundo. Alí, o rexidor aproveitaba a súa participación no acto para dar a coñecer o Océano Surf Museo, o primeiro destas características en España. Un museo que, segundo recalcou o alcalde, nace das sinerxias co propio campeonato de surf e que está chamado a consolidarse como un referente en España. Unha iniciativa, engadiu, que trascende o ámbito deportivo e que contribuirá á consolidación do surf como motor económico e de xeración de emprego para Valdoviño, amáis de ser un recurso turístico de primeiro nivel.
 
Nesta liña, e en presenza da directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, Alberto González apelou tamén á colaboración entre administracións para acadar ese obxectivo compartido.
 
Por último, o alcalde reiterou o apoio e colaboración do Concello ó Pantín Classic e destacou tamén a contribución da veciñanza, vital para lograr o que hoxe é.
 
Nesta XXXI edición, que se celebrará do 27 de agosto ó 2 de setembro, amplíase nunha xornada o campeonato e establécese a paridade de premios entre as competicións masculinas e femininas. Valdoviño volverá converterse durante esa semana na capital mundial do mellor surf.