O Concello fai un chamamento á veciñanza para evitar achegarse á costa ante a alerta por temporal

Ante a alerta laranxa na costa decretada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, fixo esta mañá un chamamento a extremar as precaucións e evitar achegarse á costa hoxe e mañá.
 
O Concello apunta que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) vén de informar dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro por mar combinada do noroeste de 6 a 7 metros que afectará a todo o litoral galego e que se iniciará hoxe e continuará mañá.
 
Nesta liña, o Concello apela á responsabilidade cidadá e anuncia que reforzará a vixianza no litoral, procedendo se é preciso a cortar o vial de acceso ó faro de Punta Frouxeira, especialmente frecuentado en días de temporal e pese ás recomendacións efectuadas de non visitar a zona por motivos de seguridade.