O Concello organiza unha xornada para dar a coñecer as axudas públicas para emprendedores e pequenas empresas

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Economía e Facenda, organizará o próximo xoves 25 de xaneiro unha xornada informativa para dar a coñecer as liñas de axudas públicas convocadas na actualidade para favorecer a posta en marcha de novos proxectos empresariais e a xeración de emprego. Celebrarase no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19,30 horas, con entrada libre.
 
Jacobo Suárez, da consultora Avanza.gal, será o encargado de expoñer as diferentes convocatorias de subvencións e ventaxas que pon en marcha a Deputación provincial da Coruña, Xunta de Galicia e Goberno central, con especial incidencia naquelas financiadas con fondos europeos. Unha ponencia, destacou o rexidor, coa que queremos fomentar o emprego no noso municipio, informando a todos os posibles emprendedores e pequenos e medianos empresarios das axudas que teñen á súa disposición para facilitarlles as cousas.
 
Por último, o alcalde anima a todo o mundo a acudir á cita, coa que se pretende traducir os proxectos en iniciativas empresariais.