Preto de 450 persoas visitaron o Océano Surf Museo de Valdoviño en decembro

Un total de 449 persoas visitaron durante o pasado mes de decembro o Océano Surf Museo, o primerio adicado ó surf en España. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, valorou positivamente o balance de visitantes no seu primeiro mes de funcionamento. A maioría deles procederon do municipio e das localidades da comarca, aínda que tamén se rexistraron visitantes procedentes doutros puntos da Comunidade e do resto de España.
 
Ubicadas na Casa da Cultura de Valdoviño, as instalacións abren as súas portas de luns a venres en horario de mañá (de 12 a 14 horas) e sábados, domingos e festivos de mañá (de 12 a 14 h) e de tarde (de 16 a 19 h). Así mesmo, a entrada é completamente gratuíta. Nas vindeiras semanas, e unha vez se retomen as clases, o alcalde avanza que se iniciarán as visitas guiadas para escolares. Neste senso, invita ós centros educativos a solicitar na Casa da Cultura a súa adhesión á iniciativa, sen custe. Ademáis de poder realizar un percorrido pola historia do surf dende as súas orixes, poderán visitar a mostra temporal actual, unha das mellores coleccións de táboas de España, a de Enrique Artero.
 
O alcalde destaca o potencial do Océano Surf Museo para contribuír a consolidar a posición de Valdoviño como destino turístico de referencia en España e Europa, aumentando a oferta de actividades culturais e deportivas; favorecer a desestacionalización do turismo e, sobre todo, consolidar e xenerar proxectos profesionais vinculados ó surf, como escolas e surfcamps.