O Concello ofrece este sábado “Chove”, un espectáculo de teatro e clown para bebés

Valdoviño pechará este sábado, 30 de decembro, a súa programación cultural do 2017 cun espectáculo de teatro e clown para bebés de cero a tres anos. Trátase da obra “Chove”, da compañía Titereficciós. A función dará comezo ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura e, como sempre, será con entrada de balde e libre ata completar aforo.
 
“Chove” está protagonizada por Roberto Casal e Sofía Espiñeira. Dúas personaxes que amosarán a un público tan especial, con xogos e enredos, que cantidade de marabillas trae a choiva antes e despois da súa aparición. Neste espectáculo caben todas esas cousas que veñen da choiva e tanto gustan: a herba, as flores, as hortas, os alimentos, as paisaxes verdes… Un espectáculo feito por e para a primeira infancia, e para que guste a pequenos e maiores.
 
A actuación conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.