As familias de Valdoviño achegan preto dunha tonelada de alimentos a través da Campaña solidaria “1 kilo+”

A campaña solidaria «1 Kilo+» que impulsan o Concello de Valdoviño e o CPI Atios batiu este ano o seu récord de alimentos recollidos, acadando os 947 quilogramos. Nadal tras Nadal a cifra medra e no 2016 xa foran 700 kgs reunidos, un número que este ano se pretendía igualar ou superar, como así foi.
 
Nesta liña, Concello e CPI agradeceron especialmente a solidariedade das familias de Valdoviño que, a través dos seus fillos e fillas achegaron os alimentos, xa en mans de Cáritas Valdoviño. Será esta entidade, en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais e o traballo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a encargada de distribuílos para que todos os fogares do municipio pasen o mellor Nadal posible á mesa.