O Concello investirá máis de 350.000 euros no acondicionamento de 40 camiños e pistas en todas as parroquias

Destinará preto doutros 350.000 euros á construción do primeiro campo de fútbol de herba artificial no municipio
 
Executará traballos de eficiencia enerxética por 50.000 euros
 
O acondicionamento de pistas e camiños de titularidade municipal; a construción do primeiro campo de fútbol de herba artificial e proxectos de eficiencia enerxética serán as actuacións que o Concello de Valdoviño levará a cabo ó longo do 2018 con cargo ós diferentes plans provinciais por un importe superior ós 800.000 euros. Así o acordou a corporación en pleno, na sesión celebrada a semana pasada. Así mesmo, o Concello destinará a totalidade dos 262.660,19 euros da Achega provincial 2018 a gastos correntes. Deste xeito, estará en disposición de incorporar novas partidas para actuacións en materia de Servizos Sociais, Cultura ou Deportes.
 
Máis polo miúdo, o alcalde, Alberto González, explicou que o Concello investirá máis de 350.000 euros no acondicionamento dun total de 40 pistas, camiños e rúas. Nelas, levará a cabo diversas actuacións, dende rebacheos ata pavimentacións, segundo o estado. Para elección das mesmas valorouse realizar actuacións en todas as parroquias e, ademais, actuar naquelas que presentasen un estado de deterioro máis avanzado. Son as seguintes: en Valdoviño (Avenida Couce Casas, Camiño ó Mirador, Camiño á Lagoa, Camiño Atios, Camiño Baixada á Lagoa por Campeiras, Camiño Entrerríos, Camiño Meitufe, Camiño Fonte Aviño); Lago (Camiño Vilar-Ramal dereita, Camiño do Broño, Camiño do Canteiro, Camiño da Saria, Camiño Outeiro-Cruceiro, Camiño Castido polos Freires, Camiño do Golpiño, Camiño de Pazos); en Loira (Camiño Furada); en Meirás (Camiño Lavadoiro a Riaña, Camiño de Fornos, Camiño paralelo a campo da festa, Camiño Canto do Muro-Lodeiro); en Pantín (Acceso ó Castro, Camiño O Talieiro, Camiño a Arnela, Acceso a Xabarís, Camiño da Costa –zona Baleo-); en Sequeiro (Camiño do Casal, Camiño Cruce San Bartolo, Camiño estrada xeral a San Andrés, Camiño Tuimil); Vilarrube (Camiño Aquenjo-Estrada Cedeira, Camiño no Porto, Camiño no Porto; Camiño Vilarrube-Vilaboa-Arnela) e Vilaboa (Camiño San Pedro a Vilaxe, Camiño na Vilaxe, Camiño Cooperativa –ramal dereito e esquerdo-).
 
Así mesmo, Alberto González sinala que se destinarán preto de 350.000 euros á construción do primeiro campo de fútbol de herba artificial do municipal. Habilitarase en Mourente, de titularidade municipal. Con esta actuación, búscase solventar as graves deficiencias no terreo de xogo, que provocan que os gastos de mantenemento sexan moi elevados e, por riba, o seu uso non poida ser continuado. Coa nova dotación, ademáis de aforrar en gastos, o Concello facilitará a práctica deportiva no municipio.
 
Por último, o alcalde apunta que o Concello investirá 50.000 euros do Plan Complementario ó proxecto de mellora da iluminación pública en todo o núcleo de A Carreira e máis na estrada AC566, en Sequeiro e dende Robles ata a Porta do Sol. En esencia, a intervención consiste na substitución de luminarias por outras de maior rendemento enerxético e lumínico, que empreguen tecnoloxía LED como fonte de luz. Así, aforrarase nos custes de conservación e mantenemento, na factura cunha redución do consumo e melloraranse as condicións lumínicas da vía.