O Concello constrúe dous novos parques infantís e amplía a zona de xogo doutros seis nas diferentes parroquias

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do remate do plan municipal de parques infantís e biosaudables levado a cabo nos últimos meses cun orzamento de 176.355,41 euros. No seu conxunto, o Concello construíu dous novos parques infantís en Loira –o primeiro da parroquia- e Vilaboa –no contorno do pantalán das Forcadas-; ampliou a zona de xogo doutros seis parques –A Frouxeira, Aviño, Lago, Marnela, Montefaro e Vilarrube- e estendeu a rede municipal de parques biosaudables creando cinco novas áreas –Aviño, Lago, Marnela, Vilaboa e Vilarrube-. Neste sentido, o alcalde indicou que todas as actuacións responderon a demandas veciñais e que se tentaron realizar intervencións en todas e cada unha das parroquias. 
 
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Alejandro García, detallou todas e cada unha das actuacións. Destacou a realizada en Loira, onde se creou o primeiro parque infantil da parroquia. Está ubicado xunto ó antigo palco da música e consta dunha cesta e dun xogo múltiple. O segundo parque de nova creación, engadiu, sitúase no contorno do pantalán das Forcadas e, como o anterior, dotouse dun xogo múltiple e unha cesta, así como dun peche multicor en madeira tratada.
 
No caso de Marnela, en Pantín, o edil explica que se retiraron todos os xogos existentes ó atoparse nun avanzado estado de deterioro, agravado pola súa cercanía ó mar, e dotouse á zona dun gran xogo múltiple, pavimento de goma e cesta. Na Frouxeira tamén se realizou unha actuación similar, retirando os xogos en mal estado e instalando un gran xogo con diversas posibilidades. Outros elementos reparáronse como os columpios e casetas, entre outros. En Aviño, xunto ó local social, instalouse un multixogo con columpio e tobogán e un muelle. En Montefaro, xunto á antiga unitaria, dotouse a zona dun tobogán e dunha cesta. En Lago, nas inmediacións do local veciñal, pista deportiva e piscina municipal, aumentáronse tamén os elementos de xogo e reparáronse aqueles en mal estado. En Vilarrube tamén se ampliou substancialmente a zona de xogo emprazada xunto á escola unitaria instalando un columpio doble, un muelle e, nos próximos días, un tobogán. Así mesmo, e segundo caso, dotouse as zonas de diferentes pavimentos e nalgúns modificouse o peche o instalouse un novo.
 
Respecto ós parques biosaudables, Valdoviño contaba tan só con un deste tipo no contorno da Frouxeira e de titularidade municipal. Tras as actuacións levadas a cabo polo Concello, a rede ampliouse en Valdoviño (Aviño), Lago, Pantín (Marnela), Vilaboa e Vilarrube. En todos os casos, os aparellos ubicáronse nas inmediacións dos parques infantís, de tal modo que se propicie un ocio conxunto de avós, pais, nais e nenos e nenas.
 
As intervencións foron posible grazas ó financiamento da Deputación provincial a través do Plan de Acción Social (PAS).