O Océano Surf Museo, sede dos cursos de formación da Federación galega

Tal e como avanzara o alcalde, Alberto González, o Océano Surf Museo non se quedará nunha exposición permanente sobre a historia e o presente do surf. Amáis de promover mostras temporais, o rexidor deixaba claro que o auditorio da Casa da Cultura permitiría ampliar as posibilidades do museo coa organización de conferencias, congresos, ciclos de cine ou música… e este mesmo mes o Concello pon en marcha esa intención. O Océano Surf Museo acollerá os primeiros cursos de formación promovidos pola Federación Galega de Surf en colaboración con Costa das Ondas. En concreto, un Curso de Estratexia, que impartirá Kako García, e un Curso de Xuíz, a cargo de Toni Obenza. O prazo de inscrición en ambas actividades está aberto ata o 13 de decembro e pódese formalizar no seguinte enlace: https://goo.gl/forms/T9X9Gk9zJYkVFWlf2.
 
O Curso de Estratexia celebrarase o venres 15 de 16 a 20 horas e o sábado de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Vai dirixido a adestradores e deportistas de calquer modalidade de surfing. Trátase da primeira edición dun curso no que un dos adestradores máis importantes a nivel nacional exporá o seu coñecemento en estratexia e adestramento de competición. Kako García ten aplicado os seus coñecementos na selección española de surf, na selección galega e cos riders da súa escola. Unha experiencia de anos que compartirá nesta formación.
 
Pola súa banda, o Curso de Xuíces desenvolverase nunha xornada única o domingo 17 de decembro en horario de 9,30 a 14,30 horas e estará impartido polo xuíz rexional NIVEL C (recoñecida FGS e FES), Toni Obenza. Dirixido a persoas interesadas en formarse como xuíces, deportistas, aficionados ó deporte do Surfing que desexen acadar os coñecementos para xulgar nas diferentes modalidades –surf de táboa curta, longboard, bodyboard, paddlesurf-… Un título necesario para realizar a función de xuíz nas competicións oficiais da Federación Galega de Surf e a Federación Española. E unha formación que se complementa con asistencia a dous campionatos oficial como xuíz alumno –non remunerado-. Así mesmo, os alumnos obteñen o título de Xuíz Nivel C (rexional).