O Concello de Valdoviño invita á veciñanza a seguir sinxelos consellos para reducir o consumo diario de auga

Ante a prolongada situación de seca que estamos a vivir, o Concello de Valdoviño fai un chamamento á veciñanza para favorecer un consumo responsable e eficiente da auga e destaca que, con xestos e actitudes en moitos casos moi sinxelos, pode axudar de forma fundamental a reducir o seu consumo.
 
Entre as recomendacións, e en materia de aseo persoal, empregar un vaso ó lavar os dentes; encher a pileta axeitadamente para lavar a cara, as mans ou afeitarse, ou non deixar a billa aberta pode aforrar ata 12 litros por minuto. Ducharse no canto de bañarse e pechar a billa namentras un se enxabona aforra de media 150 litros. Instalar unha cisterna de doble pulsador permite unha rebaixa no consumo de ata o 50%. Nas tarefas domésticas, empregar o lavavaixelas e a lavadora coa carga chea e no programa adecuado reduce o consumo nun 40%; utilizar un caldeiro con esponxa para lavar o coche en lugar da mangueira permite aforrar 50 litros no lavado e algo tan sinxelo como poñer unha xarra na neveira no canto de deixar a billa aberta para enfriar a auga permite aforrar unha media de 12 litros por minuto.
 
Outra das recomendacións é facer o rego das prantas e xardíns á tardiña ou amencer e empregar sistemas de rego automáticos por goteo, de modo que se aproveita a auga ao 100%. É aconsellable instalar dispositivos de aforro en billas e duchas, ou redutores de caudal para aforrar no consumo entre un 40 e un 60%. Recurrir a sistemas para evitar que se evapore a auga da piscina, como poden ser lonas reduce a auga consumida nun 10% e reparar as billas ou duchas que goteen ou cambialas por sistemas monomando aforra unha media de 170 litros ó mes.