A Casa da Cultura de Valdoviño acolle este sábado o espectáculo infantil de teatro musical “Xogo de Pillabáns”

O Auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño será escenario este sábado, 25 de novembro, do espectáculo infantil de teatro musical “Xogo de Pillabáns”, a cargo da compañía Zoar. Dará comezo ás 18 horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo e inclúese na Rede Cultural da Deputación.
 
Está baseado na novela Rinconete y Cortadillo de Miguel de Cervantes, unha adaptación didáctico-musical da composición orixinal, para quinteto de ventos, de Óscar Navarro Juego de Ladrones. Co gallo do Ano Cervantes 2016, Zoar encargou ao compositor alicantino unha peza inspirada nesta Novela Ejemplar do literato universal e da que xurdiu esta adaptación didáctica titulada Xogo de Pillabáns. Os músicos, caracterizados para a ocasión, son os propios personaxes da novela que, alternando a interpretación musical e a actuación teatral, dan lugar a un espectáculo moi logrado e redondo.
 
Un concerto divertidísimo para o desfrute de toda a familia no que os audiovisuais xogan un papel moi importante.