O Concello organiza este domingo a IV Andada Urbana para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O Concello de Valdoviño convoca, por cuarto ano consecutivo, a Andada Urbana para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Unha marcha reinvindicativa coa que a Administración local conmemorará o Día contra a Violencia de Xénero. Celebrarase este domingo, 26 de novembro, e a diferencia doutros anos desenvolverase en horario de tarde para facilitar a asistencia. Así, sairá da Casa da Cultura ás 17 horas para iniciar un percorrido ata o entorno da praia e lagoa da Frouxeira. Culminará no monolito adicado á Muller instalado o pasado ano e, dende aí, as persoas participantes regresarán á Casa da Cultura.
 
Os actos organizados polas Concellerías de Cultura e Servizos Sociais continuarán ás 18,15 horas, coa proxección da película “Sufragistas”, incluída na Rede Cultural da Deputación provincial e dirixida a un público maior de 7 anos. Por último, e ó remate do filme, celebrarase un coloquio entre os asistentes en torno á igualdade que estará conducido por Alberto Abuín, fundador e escritor de Blogdecine.com e colaborador en diferentes emisoras de radio.