Operarios municipais levan a cabo diversas obras de mellora no CPI Atios

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Obras, vén de realizar nos últimos meses unha serie de obras de mellora nas instalacións do CPI Atios. Todas elas, a petición do centro educativo e con persoal propio. A última, a instalación dunha cuberta no portalón de acceso ó pavillón que permite ás familias resgardarse da choiva namentras esperan a saída dos seus fillos e fillas. Previamente, tal e como explica o edil de área, Benito Vega, o Concello procedeu á renovación do chan da Biblioteca escolar. Actuouse sobre unha superficie de 70 metros cadrados, onde se instalou tarima flotante. Así mesmo, o concelleiro explica que tamén se procedeu á substitución do peche exterior do CPI e, a maiores, renovouse o peche perimetral que delimita o patio reservado para o alumnado de Educación Infantil.
 
En suma, Benito Vega sinala que as actuacións requeriron un investimento de 7.921 euros, dos que 2.600 procederon dunha achega da Xunta e, o resto, financiouse con fondos municipais. En todo caso, destaca que esa inversión correspondeu a materiais, xa que ó recurrir a operarios municipais logrouse un importante aforro de man de obra.