O Concello erradica a fosa séptica da praia do Río e executa obras de mellora nas casetas de salvamento de varias praias

O Concello de Valdoviño vén de concluír as obras de construción dunha instalación de bombeo de augas fecais na praia do Río, en Meirás, que permitiu erradicar a fosa séptica ubicada na contorna do areal. Esta intervención incluíuse nun paquete máis amplo de obras que contemplou tamén a reparación e acondicionamento das casetas de madeira do servizo de salvamento e tamén dos recintos de aseos públicos ubicados nas praias da Frouxeira, do Río, do Rodo e Pantín.
 
O concelleiro de Obras, Alejandro García, realizaba esta mañá unha visita de fin de obra para supervisar o estado das infraestruturas e destacaba a mellora medio ambiental da actuación. Tamén a necesidade dos traballos nas casetas e servizos polo seu estado de deterioro, agravado pola súa cercanía ó mar e, tamén, pola total ausencia de labores de mantenemento dende a súa entrada en servizo hai anos.
 
Explicaba que os traballos, no seu conxunto, contaron cun orzamento de 76.797,74 euros e, para afrontalos, o Concello contou coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, que financiou as obras ó abeiro do Plan de Acción Social (PAS).
 
As intervencións contemplaron traballos de carpintería –especialmente sustitución de táboas nas fachadas ou tratamentos para protexelas dos fungos, lavado, lixado e pintado-; renovación de ferraxes e, nas cubertas, reposición de lousas e sustitución daquelas que estaban en mal estado.