O Concello pon en marcha nas parroquias o programa +Vida para as persoas maiores

Arterapia, risoterapia, movemento expresivo, xogos teatrais, conciencia corporal e mindfull serán algunhas das terapias que as persoas maiores de Valdoviño practicarán a partir de xa a través do programa municipal +Vida. Un programa que arrancaba onte en Meirás e Sequeiro e que se inaugurará mañá mércores en Pantín e Vilaboa. Promovido pola Concellería de Servizos Sociais de Valdoviño, busca crear un espazo no que as persoas maiores da localidade expresen a súa vitalidade gozando da compañía do grupo e compartindo actividades nas que moverse a través da risa e do corpo, cos conseguintes beneficios para a saúde.
 
No programa, completamente gratuíto, participarán semanalmente 50 veciños e veciñas das diferentes parroquias. E, dende o Concello, sinálase que aínda queda algunha praza libre, co que as persoas interesadas en anotarse poden facelo no departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa da consistorial ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5-.
 
As sesións celébranse os mércores en Pantín ás 16 horas e en Vilaboa ás 18 h, e os luns ás 16 h en Meirás e ás 18 h en Sequeiro.