O Aturuxo de Melpómene trae este domingo á Casa da Cultura a obra “Terapia de bar”

O Concello de Valdoviño arranca a programación cultural deseñada para o mes de novembro cunha comedia de terror, vicios e manías. Así, veciños e visitantes teñen este domingo unha cita no Auditorio da Casa da Cultura para asistir á representación de “Terapia de Bar”, a cargo da compañía O Aturuxo de Melpómene. A función, con entrada libre e de balde ata completar aforo, dará comezo ás 19 horas e inclúese na Rede Cultural da Deputación provincial.
 
A obra está dirixida por José Prieto e protagonizada por Juanín Ares Gondell, José Manuel Felpeto, Chani Hernández, Maite Dacosta, Chus Olivares e Ruth Fernández. Narra as historias en torno ó bar “Da costa” que, pese ó nome, non está en zona litoral. É un bar perdido no medio do monte, lonxe de calquera sitio, onde rara vez para ninguén e cando o fai, non volve nunca máis.
 
A propietaria do bar e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que segundo eles son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo (aínda que sexa a brisca), os avances tecnolóxicos (aínda que só sexa unha chamada polo móbil) e a ambición desmesurada polo diñeiro (aínda que o único síntoma sexa non deixar a propina axeitada).
 
Cada cliente que teña a mala sorte de entrar no bar “Da costa” comprobará nas súas propias carnes as terribles terapias que lles aplicarán os “salvadores” para liberalos dos seus vicios: acupuntura con coitelos de matar porcos, hipnose a base de facerlle inxerir ó paciente varias caixas de pastillas para durmir, ou exorcismos con litros de licor café que introducen no “vicioso” para sacarlle o demo do corpo.
 
Cada terapia elimina efectivamente cada vicio, aínda que con pequenos danos colaterais: tamén pode eliminar ó paciente.