O Concello invita a nenos e maiores a celebrar o Samaín percorrendo “O Camiño máxico” na vella igrexa e cemiterio de Loira

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, invita a nenos e maiores a celebrar este domingo o Samaín percorrendo “O Camiño máxico”. Unha proposta cultural innovadora incluída no programa municipal “Escenarios Paralelos” que se desenvolverá na contorna paisaxística da antiga igrexa e cemiterio de Loira. A cita dará comezo ás 18 horas no aparcadoiro do Bar Suízo. Dende aí, realizarase un pequeno traxecto do Camiño a San Andrés ata a contorna da igrexa. Invítase a acudir con candeas e cabazas, así como con roupa de disfrace relacionada.
 
Neste entorno único, a compañía Triateros representará “O Camiño máxico” e, para iso, precisará da colaboración de nenos e nenas. Dous aventureiros, Sarela e Tristán, atopan un mapa nunha das súas expedicións ó Castro de Baroña. O mapa traza o camiño máxico de Santiago de Compostela, un camiño que pasa polos montes galegos e incluso polas costas desvelando as criaturas mitolóxicas máis sorprendentes e tolas da cultura galega. Precisan da axuda dos nenos para poder desvelar o que lles acontece. Os contos empregados falan destes seres máxicos e explican a vida galega dende un punto de vista diferente. Será esta unha viaxe chea de risas, música, emocións, e moita maxia que leva ó público a Santiago para entrar na súa catedral.
 
D.E.P., mércores
A programación deseñada polo Concello en torno ó Samaín continuará o vindeiro mércores, 1 de novembro, ás 19 horas na Casa da Cultura de Valdoviño. Será coa comedia “D.E.P.” a cargo de producións MalaSombra. Interpretada por Jouse García e Xoque Carbajal, trátase dunha trepidente comedia de morte na que se mostra con moito humor o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza. Uns seres humanos que amosan o seu lado máis cruel, ante a disputa de bens materiais. Un espectáculo con entrada libre e de balde ata completar aforo, incluído na Rede Cultural da Deputación.