Finy Sesmonde presenta en Valdoviño a súa novela “Gotas de rocío, copos de nieve”

A escritora ferrolá Finy Sesmonde presentará este venres, 27 de outubro, a súa primeira novela, titulada « Gotas de rocío, copos de nieve » no Auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño. O acto dará comezo ás 20,30 horas con entrada libre e, no mesmo, a autora estará acompañada pola concelleira de Cultura, Rosana García. Así mesmo, e trala presentación, Finy Sesmonde firmará exemplares da súa obra, á venda nas principais librerías das vilas e cidades galegas, pero tamén doutros puntos do territorio nacional.
 
« Gotas de rocío, copos de nieve » é a primeira novela da autora. Unha obra que fala de temas tan diversos e universais como o amor prohibido, a emigración e incluso a violencia de xénero. Unha novela que dá voz a aquelas mulleres que coñeceu en Suiza, país ó que se trasladou con 22 anos. E unha obra dirixida a aquelas persoas que aman a vida, que queren olvidar e superar todo o que lles impide ser feliz, segundo explica a autora. Así mesmo, Finy Sesmonde avanza que a súa novela nace coa intención de formar parte dunha serie que reflexe o sentir e costumes de Galicia cara o exterior.
 
Destaca o esforzo da autora para sacar adiante o seu libro, que mesmo tivo que converterse en autoeditora, investindo os seus recursos e esforzos neste proceso para poñer a disposición do público a obra. De aí tamén a importancia de actos como o que terá lugar en Valdoviño, co que busca a cercanía cos lectores.
 
Moi sensibilizada coa loita contra a violencia de xénero, a escritora colabora a través desta obra con ALMAT (Asociación de Loita contra os Malos Tratos), xa que parte dos seus beneficios van destinados á entidade.