Valdoviño celebra este domingo o Día da Bicicleta

Valdoviño celebrará este domingo, 22 de outubro, o Día da Bicicleta. Unha iniciativa que conxuga a partes iguais deporte, diversión e agasallos. Nenos e maiores están convidados a tomar parte na xornada, que comezará ás 11 horas coa concentración dos participantes no entorno do campo de fútbol de Vilaboa. A saída está programada para as 11,30 horas. Nese momento iniciarase un percorrido duns seis quilómetros e dificultade baixa, apto para todas as idades, co que veciños e visitantes poderán descubrir unha contorna única: a paisaxe que se abre en torno ó encoro das Forcadas.
 
As persoas interesadas en tomar parte poden recoller a inscrición no Rexistro Municipal de Valdoviño –casa consistorial- ata o venres, 20 de outubro ou na delegación de La Voz de Galicia en Ferrol –rúa Manuel de Cal, nº4, entrechán-. Así, o día da proba hai que entregar as fichas cubertas. Tamén hai posibilidade de anotarse o propio domingo.
 
E, como colofón á xornada, sorteo dunha morea de agasallos donados por comercios e hostalería local. Entre eles, Proymel, Eroski Valdoviño, Librería Xeila, Electrodomésticos Nito, restaurante Las Olas By Pantín ou Tapería El Gitano.
 
O Día da Bicicleta é unha iniciativa que promoven Radio Voz Ferrol e La Voz de Galicia e que patrocinan o Concello de Valdoviño, a Cooperativa de Vilaboa, FCC e Proymel. Así mesmo, conta coa colaboración de Gadis, Protección Civil e Policía Local de Valdoviño.