A Porta do Sol acollerá esta fin de semana a I Feira de Artesanía de Valdoviño

A Asociación Mulleres do Rural de Valdoviño, en colaboración co Concello, organiza esta fin de semana a primeira edición da Feira de Artesanía. Celebrarase no entorno da Porta do Sol, baixo unha carpa habilitada pola organización, e contará con artesáns tanto locais como chegados de diferentes puntos da xeografía galega. Un dos pratos fortes da cita serán as demostracións en directo das diferentes técnicas artesanais sobre coiro, madeira, cristal, estaño, prata ou bolillos. Neste último caso, por conta do grupo de palilleiras Mundillos y Dedales, integrante da asociación promotora da feira.
 
Os preto de 30 postos de artesanía que confirmaron a súa asistencia á cita abrirán as súas portas o sábado ás 10 horas. Así mesmo, ás 12 h inaugurarase formalmente a feira coa intervención do alcalde, Alberto González. Haberá despois ambientación musical a cargo dun grupo de gaiteiros de Vilaboa. A mediodía, o público poderá xantar nos diferentes postos de churrasco e pulpo, entre outros. E, xa pola tarde, sobre as 17 h, haberá unha exhibición de bailes de salón do grupo infantil de Vilaboa. Pola noite, actuación do grupo Ambrosía a partir das 21,30 horas e verbena.
 
A feira reabrirá as súas portas o domingo ás 10 horas e, sobre as 12 horas, haberá actuación de cantareiras. Pola tarde, ás 16,30 h, actuará o coro da Asociación Nuestra Señora de Chamorro e, para poñer o broche de ouro á feira, actuación da formación musical local Los Nostálgicos, a partir das 19 horas.